Os Sorrisos de Chapela,  alumnado do módulo de Desenvolvemento socioafectivo do IES Chapela  (C.S. de Educación Infantil ), seguen a desenvolver a través da Biblioteca Xela Arias dinámicas lúdicas e educativas pensadas para as crianzas.

Se a Igualdade entre nenos e nenas foi a temáticada sesión de abril, nestas últimas sesións o traballo orientouse a afondar nas emocións. E para iso empregaron recursos variados, como xogos de música e expresión creativa, e contos como “Tengo un volcán”.

Un traballo a prol da educación positiva e inclusiva da rapazada, que vai máis aló da realización de actividades para eles, ocupándose do apoio educativo a nais e pais, a través dun tríptico informativo.

As sesións desenvolvéronse en dúas xornadas, o martes 2 e o martes 9 de maio, ambas as cales recibiron boa acollida por parte do esixente público infantil de Chapela.