Esta tarde gozamos na Biblioteca Xela Arias dunha sesión literaria moi animada  da man dun escritor chapelán moi entrañable.
Convidado polos Amigos das Bibliotecas de Redondela, Berto Pirata achegounos a súa primeira novela en proceso de escritura. Como el mesmo nos indicaba: “ten un comezo, un nó, e un desenlace. A armazón está feita, pero precisa revestila literariamente”.

E é que a proposta que nos trouxeron Berto Pirata e os Amigos das Bibliotecas era do máis orixinal: que os asistentes participen da escrita, man a man co autor, na elaboración, corrección e revestimento dun texto literario.

Unha ocasión moi interesante para os lectores que nunca se achegaron á escrita, de ver o proceso por dentro, de participar e de opinar ao seu gusto.

Os asistentes escoitaron hoxe a Berto, que nos contou moitas cousas da idea orixinal desta novela e da orixe da mesma. Tamén nos foi contando moitas cousas del, e que foi o que lle achegou á escrita, e cales foron os procesos e os momentos de crise vital que lle conduciron a esa experiencia tan satisfactoria e tan importante para a súa vida.

Berto Pirata, chapelán de orixe, contounos tamén que unha das experiencias máis bonitas nas que participou, e das que se sinte máis orgulloso, foi na creación e na lectura do texto literario que foi musicado para a inauguración da Vía Verde de Chapela. Todo un fito para el, e que lle levou a traballar arreo e con moita paixón nun texto que sentía moi seu.

O luns 5 de xuño, de novo ás 20:00 h., será a segunda sesión con este orixinal escritor. Todos as persoas interesadas poderemos ler o texto e deixar as nosas puntualizacións, críticas e opinións nas follas que o acompañan. Na sesión teremos ocasión de falar e debater sobre o texto.