O verán xa comezou e a Biblioteca Xela Arias festexou a entrada desta data tan especial cun contacontos ao aire libre onde as árbores, os paxaros, os ríos e o noso ecosistema foron os protagonistas.
O Bardo Abelardo foi o encargado de amenizar esta pequena festa, e o parque do Piñeiral do Crego, a carón da biblioteca, foi coas súas espléndidas vistas á ría e a brisa acolledora e fresca un lugar máxico para pasalo ben en familia e cantar á marabilla do medio natural.

Cantamos, escoitamos contos e lemos algúns libros que a biblioteca sacou ao aire libre para amenizar a xornada. Ao rematar, moitos nenos aproveitaron para xogar no parque infantil María Miramontes, que completa este espazo coas súas instalacións para o xogo.

Unha actividade de lecer, xogo e narración oral que achegamos dende a biblioteca grazas ao programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.