Queda moi pouco para rematar o curso escolar, e todo son nervios e emocións.

Finalizado o período lectivo, como todos os anos, as bibliotecas municipais modificaremos o noso horario, que pasará a ser matinal ata o final das vacacións escolares.

A Biblioteca Xela Arias de Chapela quere festexar cos seus usuarios máis fieis a chegada do verán, e por iso convócanos a gozar dun espectáculo de narración oral no Parque do Piñeiral do Crego, a carón da Biblioteca.

O artista que nos vai amenizar a velada será o Bardo Abelardo, e a súa proposta narradora, axeitada para público familiar, fala de bosques, natureza e solidariedade: “Contos e cantos que coidan da Terra”, que gustará moito aos nosos lectores, nenos e grandes.

Se queredes pasalo ben e gozar da natureza e dos contos, achegádevos o xoves 22 de xuño, ás 19:00 h., no Parque do Piñeiral do Crego (en caso de que o tempo non permita facer a actividade no exterior, trasladarémola ao interior do Multiúsos de Chapela).

A actividade realizámola grazas á colaboración da Xunta de Galicia, dentro do proxecto Ler Conta Moito.