Este ano as Bibliotecas Municipais de Redondela, a través da Biblioteca Xela Arias de Chapela, colaboran coa Asociación de Veciños de Chapela no seu tradicional magosto veciñal.
Unha actividade que volve celebrarse no Multiúsos Piñeiral do Crego, despois do parón pandémico de anos anteriores.

A nosa participación consiste nun contacontos moi axeitado para a ocasión, onde as castañas, o magosto e o Día de Defuntos terán protagonismo, e que vai gustar a persoas de todas as idades.
A artífice do Contacontos é Alba Grande de Vales, á que xa coñecemos nas nosas bibliotecas por algún dos espectáculos de narración oral que celebramos no verán. Unha xograr que sabe encher de emoción ao público, conectando de xeito xenial coas persoas maiores e mais a rapazada.

O noso espectáculo celebrarase no auditorio do Multiúsos, ás 18:30 h., con entrada libre e de balde.

Moi recomendable, achegarse a este espectáculo, pero tamén a gozar do sabor das castañas e mais das interesantes actividades que nos teñen preparadas dende a AAVV de Chapela.

Para tod@s. Porque hai que despedir outubro e recibir a novembro como se merecen.