Na tarde do venres 10 de xuño o parque do Piñeiral do Crego, en Chapela, converteuse en espazo acolledor para gozar da lectura e xenial escenario para contar contos. Un público diverso, formado por persoas de todas as idades gozaron das historias que, salferidas das gotas da tradición oral galega, nos achegou unha contadora de excepción da que quedamos namorados: Alba Grande.

Nenos, nenas e grandes coñecemos as historias de paporroibas, ratos, curuxas e persoas de todas as idades que protexían a natureza, defendían aos máis débiles, coidaban das súas comunidades e velaban pola memoria. Acompañaban aos contos as cancións e cantigas, entoadas ao son do pandeiro, que resoaron como nunca no escenario natural no que se atopaban.

Encantounos a experiencia, e temos gañas de repetir.

A actividade realizouse dentro do programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia, co cofinanciamento do Concello de Redondela.