Este sábado Chapela festexou o seu tradicional magosto veciñal, organizado pola Asociación de Veciños da parroquia.
Dentro das actividades que acompañaban a este festexo popular, a biblioteca Xela Arias, situada na localidade, ofrecía un contacontos para todos os públicos: “Contos arredor do Magosto”, coa actriz, narradora e titiriteira Alba Grande de Vales.

Por primeira vez as bibliotecas municipais nos adentramos nun magosto. Ademáis de pasalo ben e comer moitas castañas, gozamos de compartir a literatura popular e as tradicións, cun contacontos que xogaba co misterio e coa riqueza da tradición galega arredor da Noite de Defuntos. Unha actividade de narración oral pensada para cativos e grandes.

Contos doces e quentiños, como o sabor das castañas recén saídas do lume, así foron as historias da nosa trobadora, á que lle agradecemos nos acompañara na tarde-noite do sábado.