O venres 17 de decembro celébrase o Día da Edición no Calendario do Libro e da Lectura de Galicia.
As Bibliotecas Municipais de Redondela considerámola unha data moi significativa arredor da figura de Xela Arias, escritora que desenvolveu unha labor moi importante a prol da edición na nosa lingua dende o seu traballo no selo Xerais.
Para festexar esta efeméride e pechar así o calendario de actividades que temos desenvolvido este ano a carón da homenaxeada do Día das Letras Galegas, e que nos valeron o Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia 2021, as Bibliotecas Municipais de Redondela aliámonos coa Escola de Música de Chapela para facer un pequeno e moi emotivo concerto co seu alumnado.
Proxectaremos en primeiro lugar o vídeo Buscando a Xela, que realizou para a biblioteca a actriz e contadora Raquel Queizás.
A continuación o concerto, que estará formado por tres grupos de cámara formados por alumnado da escola. Estes tocarán diferentes temas en homenaxe a Xela Arias, con arranxos musicais de Andrés Álvarez, director da Banda de Música de Chapela, ademáis dun tema de composición propia.
Para conformar estes tres grupos de cámara, a Escola de Música organizou un concurso musical entre todo o seu alumnado, para o que se presentaron máis de 20 participantes.
De entre os gañadores e mais os mellores intérpretes de cada instrumento, poderemos gozar deste concerto.
A cita é o venres 17, ás 20:00 h. no auditorio do Multiúsos de Chapela. A entrada será libre, ata completar as localidades.
Queremos darlle as grazas a Escola de Música de Chapela e mais ao seu alumnado pola súa xenerosidade, ao ofrecernos a súa colaboración, e agardamos ter un concerto moi fermoso. Ademáis temos que felicitalos, porque é a primeira vez en que a escola ofrece un concerto ao público con grupos de cámara. É a súa primeira colaboración coas bibliotecas municipais, e agardamos que este vencello prenda para máis ocasións no futuro.