Movidos pola boa acollida do Reto Lector que propuxemos no 2023, as Bibliotecas Municipais de Redondela iniciamos un novo desafío aos nosos lectores e lectoras adultos, que poderá completarse ao longo deste ano.

A nova proposta lectora estará centrada non tanto nos formatos ou xéneros, senón en contidos, e agardamos que tamén este resulte divertido, interesante e motivador para lectores e lectoras da nosa contorna que se “atrevan” a intentalo.

— Os requisitos para participar son:

  • Ter +18 anos
  • Solicitar o pasaporte lector nas nosas bibliotecas, e selalo cada vez que se complete unha das lecturas propostas
  • O pasaporte selarase con libros prestados nas nosas bibliotecas, tanto a de Redondela como a de Chapela
  • Completar as 12 lecturas, que poderán facerse seguindo a orde que cada persoa prefira
  • O prazo para entregar o pasaporte completado é o 7 de xaneiro de 2025.

Ánimo a todos e a todas!!

Ademáis, por suposto animámosvos a comentar as lecturas ou a comentar a vosa experiencia nas vosas redes sociais: Facebook ou Instagram, engadindo o cancelo #RetoLector2024BibliotecasRedondela

 

— E as casiñas que hai que completar son as seguintes. Entre paréntesis dámosvos suxestións que vos axuden a centrarvos. Lembrade que podedes consultar tamén ao noso persoal.

1- Un baño de natureza (Lecturas onde a natureza é protagonista / invitación a gozar da natureza / a vida e os traballos no campo / a natureza como espazo de sanación…).

2- Con aire exótico (Historias nas que o contexto, a paisaxe, a ubicación… sexan lugares exóticos, países lonxanos, culturas diferentes…).

3- Feminista e plural (Lecturas con visión feminista. Historias de diversidade, temática LGTBIQ+…).

4- De artistas e escritor@s (Historias protagonizadas por artistas, pintores, escritores ou persoas do mundo da literatura. Biografías, tratados de arte. O proceso creativo como temática…).

5- Proscritos (Libros que nalgún momento ou lugar foron prohibidos, censurados, ou que trouxeron o escándalo).

6- O bo tamén é noticia (Historias alegres, novela “feelgood”, historias edificantes. Literatura de crecemento persoal… Porque non todo van ser dramas!!).

7- Ai, a familia! (As relacións familiares como protagonistas: dramas familiares, sagas de intriga… Maternidade, crianza. Tamén a relación cos nosos maiores. Recordo, homenaxe, elexía a proxenitores, ancestros ou persoas do círculo familiar).

8- Síndromes moi literarios (Textos literarios, normalmente clásicos, con protagonistas ou situacións que foron quen de dar nome a síndromes dende o punto de vista da psicoloxía…. Hai moitos máis dos que parece!! Tamén pode ser novelas ou historias actuais nas que se visibilice algunha destas patoloxías ou características).

9- Marxinal e arrombado (Ambientes marxinais, pobreza e illamento. Delincuencia e crime. Pero tamén o marxinal dende o punto de vista territorial: relatos ou textos ambientados e territorios despoboados, decadentes, incomunicados ou esquecidos).

10- Viaxando no tempo (Novela histórica, cómic ou ensaios sobre historia. Novela ou cómic de ciencia ficción. Temática futurista, previsión sobre tempos futuros. Tamén textos literarios de épocas pasadas, os cales son reflexo do seu tempo.

11- De medos e outras cousas arrepiantes (Textos de terror ou suspense. Pero tamén historias truculentas. “True crime”. Calquera temática macabra. Fenómenos paranormais…).

12- Branco Nadal (Textos ambientados nesta época do ano tan entrañable ou “luminosa”. Libros sobre tradicións do Nadal ou o seu significado cultural ou relixioso. Historias contextualizadas no inverno).

Como suporedes, non é preciso cinguirse á narrativa.

Ensaio, cómic, poesía, teatro, relato curto, álbum ilustrado… Moitos libros de diferentes seccións da biblioteca poden responder ao cometido e converterse en branco para completar cada un dos recadros deste reto lector.

Animádevos e gozade da aventura de ler 😃😃. Sumádevos ao noso desafío!