Esta tarde a Biblioteca Xela Arias recibiu a visita dun grupo de lectores entusiastas.

O Club de lectura Arealonga, desenvolvido no CEIP de Laredo, trasladou a súa xuntanza semanal ás instalacións da nosa biblioteca, onde aprenderon a utilizar o catálogo da colección da Rede de Bibliotecas de Galicia, a xestionar a súa conta persoal no mesmo e coñeceron o funcionamento do catálogo de libro electrónico Galicia Le , amén doutros recursos que lles ofrecemos dende as bibliotecas públicas.

Con eles mantivemos un encontro formidable arredor do noso centro de interese de libros para o autocoidado e a saúde mental. Pero deixamos ademáis un oco para falar sobre a creatividade e os libros que nos inculcan o amor polos libros, algo que sen lugar a dúbidas caracteriza  a este grupo.

Sobre estas tres temáticas limos algúns álbumes ilustrados da nosa colección que lles resultaron moi fermosos. Ademáis, algún dos participantes atreveuse tamén a escoller a súa lectura e compartila co grupo.

O club de lectura Arealonga destaca pola súa heteroxeneidade, xa que está formado por nenos e nenas, pero tamén por familias e profesorado do centro. Un grupo interxeracional que xa recibiu algún recoñecemento polo Ministerio de Cultura.

E tamén recibe, hoxe, o cariño das Bibliotecas de Redondela.