O programa radiofónico “Xela a diario”, organizado polas Bibliotecas Municipais de Redondela e coordinado e conducido pola dinamizadora cultural Ana Facchini, termina a súa singradura despois de 6 semanas e faio co recital de alumnos e profesores dos centros educativos que se sumaron á proposta “O poema somos nós”.

O Club de Lectura do IES Illa de San Simón, o CEIP de Laredo, o CEIP de Cedeira, o CEIP Porto Cabeiro e o CEIP Josefa Alonso de Matamá (Vigo), converterán as ondas de Radio Redondela nunha sentida homenaxe a Xela Arias a través do recitado dos seus poemas. 120 voces que se poderán escoitar no 94.9 FM e na web de Radio Redondela o luns 17 de maio ás 12:00 e , novamente , ás 17:00 h. Posteriormente o podcast estará dispoñible nas redes sociais das Bibliotecas Municipais de Redondela.