Este ano 2023 está a celebrarse en todo o mundo o 50 aniversario do pasamento de Pablo Picasso.

As Bibliotecas Municipais de Redondela tamén queremos sumarnos á celebración, e farémolo precisamente no mes de novembro, por ser o Mes das Ciencia en Galego nas Bibliotecas, e porque a nosa proposta é un obradoiro que mestura ARTE e CIENCIA (para que logo non digan que son campos distantes!).

Nenas e nenos de entre 5 e 10 anos están convidados a participar nun taller organizado pola artista e docente Macarena González, para coñecer a este importantísimo artista do século XX, tan relevante na evolución da arte ata os nosos días.

Coñeceremos ao pintor Pablo Picasso, as súas aportacións e tamén as súas obras máis importantes.

Pero tamén aprenderemos sobre mesturas e combinacións de cor, como se elaboran as pinturas, e como o uso da cor é fundamental para transmitir emocións e para compoñer nas pinturas.

No obradoiro faremos experimentos científicos, pintaremos un cadro e incluso tomaremos unha pequena merenda ao estilo parisino, para recargar as pillas.

 

A actividade terá lugar o luns 20 de novembro, desde as 17:00 ata as 19:00 h., na Biblioteca Xela Arias de Chapela.

Para participar é preciso inscribirse na Biblioteca Xela Arias:
tlf: 986-454-226, correo: bibliotecachapela@redondela.gal