O alumnado de 3º e 4º do CEIP Laredo de Chapela achegouse esta mañá ás instalacións da Biblioteca Xela Arias para gozar dunha xornada de diversión, aprendizaxe e ledicia.

Ver IMAXES DA ACTIVIDADE.

A xornada foi moi intensa, e deunos para falar de moitas cousas: da función fundamental das bibliotecas públicas na nosa sociedade, das Letras Galegas, do papel de Francisco Fernández del Riego -homenaxeado das Letras este ano- como bibliotecario, e de Xela Arias -autora que dá nome á nosa institución- como persoeiro comprometido co idioma galego e poeta fundamental na nosa literatura.

E, como non, contamos contos. Historias fermosas sobre emocións, sobre autoestima, resiliencia e empatía, e sobre a importancia de espallar o noso benestar para contaxialo ás persoas que nos arrodean e coidarnos uns aos outros como comunidade.

Unha visita moi divertida e proveitosa, da que saíron todos os nosos amigos cun enorme sorriso 😁.