Un grupo de estudantes do Ciclo Superior de Educación Infantil do IES Chapela achegouse este martes á Biblioteca Xela Arias para coñecer de primeira man como é o traballo nunha biblioteca.

Interesáronse polas explicacións sobre o servizo bibliotecario, os recursos que lles pode ofrecer in situ e tamén a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Nunha segunda parte afondaron no marabilloso mundo da literatura infantil e xuvenil (LIX).

Somerxéronse nos estantes da sala para coñecer títulos, autores, editoriais, formatos, estilos e temáticas, e gozaron tamén das súas historias a través da lectura en voz alta. Algunhas foron narracións divertidas e riseiras, outras emotivas e tenras, mais aqueloutras foron duras e aterrecedoras… Porque todo isto ten cabida na literatura actual e de todos os tempos, e todo isto ten cabida nos nosos estantes.

Gozamos moito con este grupo tan motivado e que se achegaba a temática con tanto interese. A algúns xa se lles ía acendendo a lampadiña na cabeza, pensando en ideas para traballar coa rapazada a través dos libros.

Aquí agardamos a estes estudantes para que se vaian achegando á biblioteca e levando libros en préstamo que lles inspiren, emocionen e motiven no seu traballo.