Neste mes de febreiro, e dentro do espazo Aquí sí hai quen escriba, a Biblioteca Xela Arias de Chapela convoca unha nova sesión de presentación literaria. Un espazo de contido cultural pensado en poñer en valor a escrita ou a creación noutros eidos, de veciños, veciñas e persoas da nosa contorna máis próxima.
Nesta nova xeira contaremos con Anxos Castro, escritora boiresa e chapeleira de corazón, que achegará a súa poesía ao público da nosa biblioteca. Farao da man da concelleira de Cultura, María Rita Pérez Táboas, e mais de Estrella Iglesias Durán, gaiteira durante moitos anos do grupo folclórico Anaquiños.
A autora presentaranos o seu primeiro poemario, chamado “Conversas comigo mesma & Emociones arrítmicas”, e no que recolle poemas escritos ao longo de diferentes etapas da súa vida.
Un poemario no que se trasloce o seu amor pola poesía do romanticismo, e o seu fondo vencello coa escrita de Rosalía de Castro, da que tamén festexamos o seu día.
Vide gozar da poesía o xoves 22 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca Xela Arias de Chapela.