As Bibliotecas Municipais de Redondela poñen en marcha, baixo a dirección da narradora e dinamizadora cultural Ana Facchini, unha homenaxe radiofónica, a través das ondas da Radio Municipal de Redondela, á autora Xela Arias á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

“Xela a Diario”, unha chiscadela á obra “Darío a diario”, é o nome que recibe a iniciativa que se desenvolverá en dúas fases, a primeira delas, “Xela a Diario. O poema somos nós!” do 5 ao 30 de abril e a segunda, “Xela a Diario. Voces  amigas” no mes de maio.

O programa emitirase diariamente, de luns a venres, ás 11:00 h. e despois dos informativos das 14:00 e das 17:00 h.  e será recollido tamén pola Rede de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA) nas fins de semana.

“Xela a Diario” reúne en cada un dos espazos, duns dez minutos, unha breve contextualización sobre a vida e obra da escritora e a lectura dos seus poemas na voz da propia Ana Facchini e de distintos persoeiros do mundo da cultura así como de calquera persoa que desexe enviar os seus audios ás Bibliotecas Municipais de Redondela (bibliotecaredondela@redondela.gal)

O obxectivo primeiro desta iniciativa é tratar de dar a coñecer ao público en xeral, tanto a produción poética, como o resto da traxectoria profesional de Xela Arias; en especial, aquelas facetas máis descoñecidas, pero tamén ofrecer unha aproximación á Xela muller e ao seu lado máis humano.

Redondela, ademais, ten unha vinculación afectiva con Xela Arias plasmada no nomeamento da biblioteca de Chapela co nome da autora, no ano 2018.

En @bretemas (Twitter de Manuel Bragado)