O pasado venres 17, Día da Edición, a Biblioteca Xela Arias uniuse á Escola de Música de Chapela para facer unha homenaxe conxunta a Xela Arias, celebración coa que as Bibliotecas Municipais de Redondela pecharon o calendario de actividades coas que veñen recoñecendo a figura da poeta e editora, neste ano 2021 no que a RAG lle adica o Día das Letras Galegas.

O acto tivo lugar no Auditorio do Multiúsos Piñeiral do Crego, e nel participou a comunidade da Escola de Música de Chapela, xunto con persoas achegadas dende a biblioteca. Un sinxelo pero bonito e emotivo fin de festa para toda unha serie de actividades realizadas ao longo do ano, e un xeito inmellorable de celebrar a chegada do Nadal, a través dos versos e a música.

Inaugurou a actividade a Concelleira de Cultura, Iria Bouzas, e a continuación colleu o testigo o presentador da actividade, Miguel Casal, alumno da Escola e membro da Banda de Música de Chapela.

Nunha primeira parte emitimos a videovisita á Biblioteca Xela Arias,  iniciativa das bibliotecas municipais para dar a coñecer a figura de Xela entre o público escolar arredor do 17 de maio, ao tempo que lle dabamos difusión á biblioteca de Chapela, nun momento en que as visitas escolares ao centro non estaban permitidas por mor da pandemia. Trátase dunha curtametraxe dirixida e protagonizada pola actriz e contadora  Raquel Queizás e que conta coa realización do redondelán Fernando Carreira. Leva por título Buscando a Xela,  e nela coñecemos dun xeito moi ameno e divertido os aspectos máis salientables da figura de Xela Arias a través do percorrido pola biblioteca.

A continuación foron tres os grupos de cámara os que actuaron, cada un deles cun tema musical arredor dun dos poemas de Xela Arias:

  • O primeiro grupo de cámara, formado por Andrea Negreira, Jorge García e Xoán Rodríguez, tocaron un arranxo do coñecido tema Non te namores Meniña, que acompañaba á lectura do poema “Trouxen augamel para agasallarte”, do poemario “Denuncia do Equilibrio”, lido de xeito excelente por Aroa Carril, alumna da Escola.

  • O segundo grupo de cámara, formado por Martín Costas, David Giráldez e Alba del Carmen Jordá, que tocaron Balada galega de Juan Montes, tema tamén coñecido como Negra sombra. O tema arroupaba a lectura de “Acompáñame” un poema complexo, sobre o desexo, o amor e a entrega, que forma parte da obra poético-fotográfica “Tigres coma cabalos”, e que foi lido por María del Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural e Social de Chapela.

  • Un breve poema de “Intempériome” foi o escollido a continuación: “Convirás tamén no prezo”, lido por Andrés Álvarez, director da Banda de Música de Chapela, e acompañado, a continuación, pola interpretación do coñecido tema Lela, tocado por Aarón Bello, María Domínguez, Jorge Enrique Pazó, Uxía Villanueva e mais Pablo Coya.

  • O último dos momentos musicais foi unha composición de Andrés Álvarez, director da Banda de Música de Chapela. Este tema baséase en dous poemas recollidos na chamada “Poesía dispersa”, nome dado pola estudosa Mª Xesús Nogueira para aqueles poemas que Xela aportou en diferentes publicacións ou recitais, pero que non están recollidos nos libros da súa autoría.

– O primeiro deles, un poema publicado na revista Dorna, da Universidade de Santiago de Compostela, e que ten sabor a mar e a liberdade, que leu Irene López, da Escola de Música de Chapela.

– O segundo, co título “Autopoética”, formou parte do Festival de Poesía do Condado, e nos achega a Xela Arias que indaga sobre a poesía e se explora a sí mesma. Leu o poema Uxío Solla, o Mellor Lector Infantil de 2020 da Biblioteca Xela Arias.

A música que acompañaba as lecturas foi feita para a ocasión por Andrés Álvarez, e leva como título “Música dispersa”, en referencia a estes poemas de Xela. Velaquí podedes escoitalo.

Para a interpretación dos instrumentos contamos con Aarón Bello, María Domínguez, Paula Lago, Uxía Villanueva e mais Pablo Coya.

 

Dende as Bibliotecas Municipais de Redondela estamos moi contentos por este colofón para o noso ano de actividades sobre Xela Arias, e queremos darlles as grazas:

🧡 Á Escola de Música de Chapela, por terse brindado a participar neste proxecto conxunto, e por contar coa biblioteca e  sumarse ás súas celebracións. Dámoslle as grazas especialmente á súa directora, Begoña Fernández.

💙 Tamén, especialmente, a todos os músicos que actuaron esta tarde achegándonos o seu traballo.

💜 A Andrés Álvarez, compositor, pola súa xenerosidade.

💛 Aos lectores e lectoras: Aroa, Mª del Carmen, Andrés, Irene e Uxío.

💚 A Miguel Casal, presentador do serán.

🤎 Á Asociación Cultural e Social de Chapela, polo seu apoio en todo.

❤E, por último, á Familia de Xela Arias, que se achegou ás instalacións do Multiúsos de Chapela para gozar da actividade, amosándose sempre tan xenerosa e atenta co noso traballo.

Felices estamos deste ano de actividades, que nos fixo merecedores do Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia.
Agardamos seguir ofrecendo bonitas actividades para compartir todos.
🎇 🎄Moi boas festas e feliz Nadal.