Na tarde de onte a Biblioteca Xela Arias ofreceu un espectáculo diferente, que encheu de ledicia a nenos e grandes, un xeito en que a nosa institución se sumou, de xeito adiantado, pero ben merecido á celebración do Día das Bibliotecas.

A nosa sede de Chapela escolleu o espectáculo “Cinema marabillas: ver para ler” da xenial artista da narración oral Raquel Queizás, polo éxito que obtivo o pasado ano na Biblioteca Valle-Inclán.

“Cinema marabillas: ver para ler” é un espectáculo fantástico e cheo de maxia que atrapa aos espectadores, nenos e grandes, achegándolles os contos clásicos á vez que os descoñecidísimos primeiros filmes do cinema mudo.

Un xeito de dar a coñecer como foron os comezos do cinema, sen son e con música e voces en directo.
Un xeito de achegar este patrimonio cultural a nenos, nenas e adultos.

Pero tamén, un xeito de animar a nenos e grandes a buscar estas historias nos libros que as recollen, e poñer de novo estes títulos no noso imaxinario.

A actividade, que se celebrou no auditorio do Multiúsos de Chapela, despertou moito interese, e tivo un grande éxito de público. Nenos e grandes saíron entusiasmados pola maxia atopada no mesmo, e tamén con gañas de ler estes contos clásicos de novo.

A biblioteca dispuxo no escenario un expositor con libros sobre cinema e sobre contos clásicos, providos das dúas bibliotecas. Ao rematar, a contadora animou aos espectadores a levar eses libros para ler na casa.

Graciñas a todos por vir, e moi contentos por  todas as vosas felicitacións 😍🥰

A actividade tivo lugar dentro do programa para bibliotecas Ler conta moito, da Xunta de Galicia.


#díadasbibliotecas
#cinemanabiblioteca
#bibliotecasderedondela
#lercontamoito