Este martes a Biblioteca Xela Arias contou coa escritora e ilustradora Estefanía Padullés para realizar un obradoiro de creación literaria para a rapazada da nosa contorna.
Un bo grupo de nenos e nenas de 6 anos en diante participaron e gozaron do proceso creativo de facer un álbum ilustrado. Un proceso que os cativou, e que lles levou a percorrer camiños moi diferentes con historias ambientadas nos lugares máis emocionantes, os personaxes máis dispares e os escenarios máis suxestivos.
Historias sobre bosques encantados, castelos e espazos máxicos, viaxes ao fondo do mar ou a planetas lonxanos, contos de medo e fábulas de animais… Todas foron propostas enxeñosas e moi variadas que a nosa rapazada perfilou e traballou nesta xornada especial da Biblioteca Xela Arias.
Estamos moi contentos da nosa rapazada creativa. Nótase que son bos lectores, porque a súa imaxinación é vizosa e imparable.
Grazas a todos polo voso entusiasmo!
A biblioteca realizou esta actividade grazas ao programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.