“A locomotora dos clubs de lectura de Redondela púxose en marcha!

Nos dous primeiros vagóns temos dous libros aparentemente moi distintos pero, tras unha primeira mirada, é posible atopar un vínculo entre eles: as relacións humanas e como as persoas máis próximas condicionan as nosas vidas.

María Solar en A culpa propón unha historia intrigante de identidades cambiantes e segredos ocultos. A novela gañadora do Xerais foi espléndidamente acollida (4.2 sobre 5). Espertou un interesante debate sobre as responsabilidades éticas e a importancia das decisións persoais.

A estrutura do libro, que varía o ritmo nun momento determinado ao introducir as páxinas dun diario, foi considerada como un acerto. Ademais, xurdiron reflexións brillantes ao redor das dinámicas das relacións interpersoais entre os membros de ambas as parellas protagonistas. Os lectores non deixaron de sinalar a dureza dalgunhas pasaxes, pero a intriga e o ritmo do libro conduciron a que unha gran maioría expresase a súa plena satisfacción coa experiencia lectora.

Nun ton moito máis intimista e introspectivo, Laura Ferrero ofrece en Los astronautas unha visión reflexiva sobre o concepto de familia. A través da experiencia da narradora, que se desprega neste volume de autoficción, coñecemos os avatares dunha nena dacabalo entre as dúas familias configuradas polos seus pais separados.

Un libro moi elaborado, cheo de frases estimulantes de profunda transcendencia. A introdución na narración deses astronautas que dan título ao libro foi recoñecida como moi orixinal e pertinente. Convidan a tomar distancia, aínda que iso implique asumir sacrificios. O estilo marcado e o ritmo pausado desta lectura acomodouse mellor aos gustos dalgúns participantes que aos doutros, con todo, en xeral, a resposta foi moi positiva (3.6 puntos).

Dous enfoques diverxentes para examinar o peso do pasado e as súas repercusións presentes, a influencia das decisións e os perigos da incomprensión. Perspectivas dun mundo complexo no que ensamblar as pezas ten un custo.”

(Jerónimo Pomares, coodinador dos Clubs de Lectura das Bibliotecas Municipais de Redondela)