Club de Lectura (Chapela-Redondela)

Club de Lectura (Redondela)

Segundo ciclo dos clubs de lectura deste curso. Aquí, algunhas das reflexións do seu coordinador, Jerónimo Pomares:

“Todo un premio Nacional nos estantes, “As malas mulleres”, de Marilar Aleixandre. E, tamén, todo un éxito o desta historia singular de mulleres en plural, que vira ao redor da  función de visitadora de prisións de Concepción Arenal na Coruña.

A orixinal estrutura, un relato coral apoiado en dous personaxes centrais, e as referencias a Rosalía e a súa extraordinaria capacidade para captar o pulso social foron moi ben recibidas.

 

A historia, non exenta de dureza, deu lugar a unhas estupendas reunións nas que se recalcaron os rotundos cambios sociais e a evolución do papel da muller.  Unha narración de corte histórico pero con hábiles paralelismos no noso tempo, cun inicio deliberadamente denso que vai evolucionando de maneira emocionante. Ademais, pon en valor a importancia da lectura, algo que nunca está de máis lembrar.

Moi agradecidos e admirados ante aquelas pioneiras que, citando a Arenal, tiñan claro que : Todas as cousas son imposibles, mentres o parecen.

 

A parella de baile de Aleixandre foi a arxentina María Gainza co seu “El nervio óptico”.

Moito que observar neste libro, e tamén moito que debater, aínda que nesta ocasión as opinións xeradas resultaron menos unánimes que coa lectura anterior.  Agora ben,  as discrepancias nos pareceres son moi estimulantes con respecto a parte máis social do club, xa que crean reunións máis polémicas, con puntos de vista máis variados… as unanimidades son un pouco aburridas!

A obra está estruturada en diversas escenas que, finalmente, conforman unha unidade de sentido, onde a arte, a propia experiencia e as expectativas vanse mixturando nun tecido colorido e firme.

A propia identidade, a familia, a pintura ou a decadencia son algúns dos temas sobre os que vira “El nervio óptico”.

Aprendemos que: un escribe algo para dicir outra cousa.

Xa preparados para o seguinte lote de libros!”