O club de lectura, como actividade de extensión bibliotecaria, é unha proposta ben consolidada no programa ofrecido polas Bibliotecas Municipais de Redondela.

A edición deste pasado curso presentaba algunhas novidades con respecto ás outras. Por unha banda, no curso anterior as reunións non se celebraron de forma presencial senón virtual.

Cando comezou a presencialidade, o número de prazas ofertadas tivo que ser reducido segundo a regulamentación sanitaria vixente. Así, quedou limitado o número de participantes a dez persoas, sendo, ademais, obrigatorio o uso de máscaras durante o transcurso das reunións. Esas circunstancias supuxeron un cambio importante das dinámicas de anos precedentes

A actividade formalizouse en oito sesións en cada sede, a razón dunha por mes, dunha duración aproximada de dúas horas.

Cada reunión iniciouse cunha introdución na que , con apoio audiovisual, se presentaba ao autor e o seu contexto; relacionando, así mesmo, a lectura con outras. Despois abríase unha quenda de debate libre, no que se compartían as diversas opinións que a obra suscitara entre os seus lectores. Por medio de preguntas dirixidas, tratábase de profundar en diversos aspectos da narrativa, tales como a estrutura do texto ou as figuras e símbolos empregados. Finalmente, unha pequena recompilación da sesión e a entrega da lectura seguinte pechaba a reunión.

Selección de lecturas
A Biblioteca de Galicia ofrece lotes, de ata vinte copias, dun título, para os clubs de lectura das Bibliotecas Públicas , polo que, cada mes, se elexía un deles. Para proceder a súa selección, este ano introduciuse unha novidade: ofreceuse un formulario aos participantes, que escolleron así os títulos que lles resultaron máis suxestivos.
 Das nove obras lidas, cinco foron en castelán e catro en galego.
2021
  Setembro: Carson McCullers – Reflejos en un ojo dorado
  Outubro: Auður Ava Ólafsdóttir – Hotel Silencio
  Novembro: Berta Dávila – Illa Decepción
 Decembro: Juan José Millás y Juan Luis Arsuaga – La vida contada por un sapiens a un neandertal   

  2022
  Febreiro: María Reímondez – Cobiza
  Marzo: Tessa Hadley – Lo que queda de luz
  Abril: Clarice Lispector – Escolma de relatos
  Maio: Manuel Rivas – Vivir sen permiso
  Xuño: Elba Pedrosa – O que non sabías
Tanto o curso pasado como este, condicionados pola covid, supuxeron un reto importante para os clubs de lectura das nosas bibliotecas, unha actividade eminentemente social. Con todo, a boa disposición dos participantes veteranos e a enerxía das novas incorporacións, lograron manter e dotar de vigorosa saúde á actividade, creando o clima adecuado para os debates agudos, apaixonados e áxiles.