Peles, o pai de Alexia Dotras,  morreu o 18 de novembro de 2003. Estivo antes 15 días en coma. 
O último que a súa filla, Alexia, díxolle foi  “Bo, papá, xa verei eu, déixame a min”  ou algo así, na porta do ascensor da casa da súa nai. Ela empezara a vida que quería, en Coimbra, desde facía un escaso mes e medio.
Ao día seguinte chamouna e dixo que lle doía a cabeza e que estaba a pensar en cear un ovo frito, que se chamaba ao médico ou que se ía ao hospital. Alexia dixo que si, que o chamase. Chamoulle a casa e estaba no hospital; que fose, dixéronlle. Pero el non quixo molestar.
A súa filla supón que ceou o ovo frito e que lle soubo a gloria.

Este ano 2022, Alexia Dotras Bravo sacou do seu caixón de escritora , os relatos que, desde a primavera de 2004, comezou a escribir para exorcizar os demos da morte do seu pai.  Son relatos nos que imos atopar historias aparentemente cotiás, que, de súpeto, nos sorprenden e dános… ata un calafrío! Son moi, pero que moi adecuadas, para este mes de novembro que nos acompaña. Así mesmo, están presentes temas de, tristemente, moita actualidade: a violencia contra a muller, os trastornos mentais,…

Temos que engadir que sempre é unha auténtica delicia gozar das palabras, da compañía e da irresistible personalidade de Alexia que , en cada encontro, arrástranos un pouco máis cara ao amor á lectura; disto temos experiencia os/as que durante moitos anos tivemos o privilexio de contar con ela como coordinadora dos Clubs de Lectura de Adultos das Bibliotecas de  Redondela.

Agardámosvos na tarde do luns, 21 de novembro,  para gozar da calidez e dozura dun café xunto co toque intelixentemente arrepiante dos relatos de Querido Peles.

A entrada é libre e de balde.

* Alexia Dotras Bravo é especialista no Quixote, libreira e xestora cultural. Exerce como profesora no Instituto Politécnico de Bragança , onde vive desde hai anos