Quenes son Axentes do Cambio? O grupo de participación da Infancia e Adolescencia de Redondela, que dende 2020 xúntanse para debater problemas e cuestións que lles atinxen como colectivo.
A finais de febreiro, trala invasión rusa a Ucrania, o grupo viuse especialmente sensibilizado co drama humano das guerras, e coa vulnerabilidade coa que a poboación civil, especialmente os nenos e as nenas, se ven envoltos e sometidos a elas. Froito desta preocupación xurdiu a idea de compartir as súas inquedanzas coa poboación de Redondela, chamando á mobilización… e que mellor xeito que facelo a través da arte e a creatividade plástica!
Comezaron facendo carteis para chamar á paz e rexeitar a violencia, mais como lles pareceu que precisaban máis apoios, convocaron tamén aos centros de ensino do municipio, dos que recibiron boa resposta. As bibliotecas públicas do concello soubemos da súa iniciativa e ofrecémonos a participar tamén. No noso caso, amosando algúns fondos escollidos das nosas coleccións nos que se denuncia o sinsentido e o dano das guerras.
A exposición titúlase “Vidas perdidas”, e inaugúrase esta tarde no Multiúsos da Xunqueira. Poderedes visitala ao longo de todo o mes de xuño.
Recomendámosvos que non a perdades. Sorprenderavos ver o traballo tan marabilloso que son quen de facer os nosos nenos, nenas e adolescentes do noso concello.