Estamos de estrea!
As Bibliotecas Municipais de Redondela, en colaboración cos Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, van comezar un novo ciclo de actividades.

A esta nova aventura chamámola “Aquí sí hai quen escriba”, pode ser que influídos por certos produtos televisivos que nos arrodean… vai ti saber!

Sexa cal sexa o nome, esta nova andaina consiste en citas periódicas onde presentaremos libros, propostas editoriais e outros proxectos que xurden da creatividade, o esforzo e a sabedoría da nosa veciñanza e… de xente de por acó.

Sábenos bonito ofrecer as bibliotecas como espazo de encontro e como cofre de experiencias, para dar a coñecer a creatividade dos nosos conveciños e conveciñas. Estamos na procura de converter os nosos recintos en lugares de inspiración e intercambio de ideas.

Así que aló imos! Iniciaremos esta experiencia en Chapela. E nada menos que cunha usuaria fiel da biblioteca: Lorena Santervás, que nos vai falar da súa primeira novela: “Mi muerte, el Infierno y Ella”. Unha historia de corte romántico e tinguida de elementos fantásticos.

A cita para esta presentación será o xoves 14 de decembro, ás 20:00 h.

Agardamos moito moitísimo éxito a Lorena con esta novela, inicio dunha triloxía, que xa está a poñer en marcha.

Convidamos a todos os chapeláns, Beretes e mais xente dos arredores que se achegue a arroupar a esta valente escritora.

#Aquisihaiquenescriba