A Biblioteca Xela Arias foi escenario hoxe da presentación da primeira novela dunha escritora da nosa contorna: Lorena Santervás

En colaboración coa Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, compracémonos en presentar un novo ciclo de actividades: Aquí si hai quen escriba”, que agardamos teña un longo e fructífero percorrido. Unha proposta para ofrecer as vosas bibliotecas municipais como espazos para que estas persoas dean a coñecer os seus proxectos.

“Mi muerte, el Infierno y ella” é a primeira novela desta xoven autora. Un libro que xa goza de continuación con “Mi condena, mi conciencia y ella”, e ao que lle segue unha terceira (e derradeira) entrega, que aínda está por publicar.

Conta a escritora que durante o proceso de elaboración o libro foi crecendo e os personaxes foron quen de trazar, eles mesmos, a súa propia historia. De maneira que nin o libro concluiu co final que ela pensara nin a historia estaba rematada ao acabalo, polo que houbo que elaborar unha continuación.

Tamén nos explicou como foi o proceso da autoedición, e as dificultades e satisfaccións que implica sacar un libro ao prelo sen un soporte dunha editorial.

Un libro de novela romántica pero que toca tamén moitos outros xéneros, cunha historia que está a ter unha boa acollida entre o público máis novo.

#Aquisihaiquenescriba