O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental.
As Bibliotecas Municipais de Redondela xunto con Patricia Rigüela, Técnica de Xuventude e Dinamizadora Sociocultural do Concello de Redondela e coa colaboración da nosa compañeira Cristina, propoñemos, conmemorar esta data e recordar o deber e a necesidade de coidarnos e de atender ás persoas que están ao noso carón, especialmente dende o eido emocional e afectivo.
Unha rede de coidados e de empatía, non só no noso trato familiar ou de amizades, senón comunitario. Establecer novos vencellos de axuda mutua entre a nosa veciñanza e achegados. Xuntos podemos cambiar os vellos patróns e incorporar condutas máis amables dende a comprensión, celebrando a diversidade.
Na semana do 9 ao 13 de outubro convidamos a nen@s e adultos a participar nunha actividade na que exploraremos a nosa creatividade para dar resposta a diversas cuestións emocionais, como un xeito de reflexión colectiva para pensar en que a saúde mental tamén é cousa de todos.
Proporanse preguntas ou reflexións ás que vós convidamos a dar resposta desde a vosa imaxinación e sentimentos.
Compartimos con vós fotografías dalgunhas das participacións deste día!