As Bibliotecas Municipais de Redondela veñen de poñer en marcha unha nova sección bibliográfica: o centro de interese adicado ao autocoidado e á saúde mental, e que se sitúa tanto nas salas de adultos como nas áreas infantís de cadansúa biblioteca (Redondela e mais Chapela).
Unha selección bibliográfica moi necesaria nestes momentos, a tenor dos datos alarmantes sobre empeoramento da saúde mental da poboación, especialmente a dos máis novos; e unha idea que non xurde directamente do noso persoal, senón que nace dentro das propostas realizadas polo Consello Municipal de Infancia e Adolescencia de Redondela, na súa última reunión monográfica adicada ao coidado da saúde mental.
Nestas áreas non só dispoñemos libros de divulgación sobre a saúde mental e publicacións de “autoaxuda”, senón que tamén está provista doutras propostas máis amplas, como libros de narrativa, poesía, cómic ou álbum ilustrado, así como películas. Todos eles documentos especialmente escollidos polo persoal da biblioteca, e pensados en ser textos ou documentos inspiradores dende o punto de vista da saúde emocional, libros terapéuticos, por seren excelentes apoios para a mellora do estado emocional e coadyuvantes no coidado da saúde mental.
Unha acción que se compaxina coa participación das nosas bibliotecas municipais no proxecto Biblioterapia, promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia antes da Pandemia, e coa colaboración da Rede de Bibliotecas de Galicia entre outros. As bibliotecas municipais de Redondela temos sinalizados e identificados cun distintivo os libros das nosas coleccións seleccionados e recomendados neste proxecto.
As bibliotecas municipais de Redondela queremos ampliar a difusión e a incidencia destas lecturas con diferentes accións, e animar á poboación a difundir as súas recomendacións de “libros biblioterapéuticos”.
Con este proxecto as bibliotecas municipais contribuimos ao obxectivo 3 dos ODS, adicado á saúde e o benestar.
#SaudeMentalnasBibliotecas