Rapaces e rapazas de Chapela pasárono en grande estes días elaborando personaxes e historias a partir dos obxectos do cotián.
O animador sociocultural Xulio Varela achegounos a proposta “As cousas pequenas contan”, onde nos movía a tomar obxectos comúns do noso día a día para narrar con eles. Froito deste encontro xurdiron personaxes do máis variado: tenros, amorosos, sorprendentes, absurdos, surrealistas e sobre todo moi moi divertidos.
VER FOTOGRAFÍAS DA ACTIVIDADE NESTE ENLACE
Nunha primeira parte, un pouco de “manualidade”, tuneando os obxectos para darlles vida e crearlles unha personalidade. Na segunda parte, tramamos a súa historia, e construimos as vivencias de todos estes personaxes, creando aventuras inimaxinables.
Pasámolo en grande compartindo as tolas historias que xurdían deste encontro, nunha sucesión encadeada de invencións divertidas e un tanto estrafalarias que nos fixeron rir e gozar de estar xuntos.
Os personaxes creados foron devoltos ao seu maletín, porque este era un obradoiro de arte efímera, pensada en animarnos a crear e inventar.
Na casa poderemos facelo tamén, dándolle vida e inventarlle unha personalidade a todo aquelo que nos rodea.
A realización deste obradoiro débese ao programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.