“Un club de lectura é un lugar para o diálogo entre os/as participantes pero tamén entre os libros.

É esa maxia da lectura a que permite explorar e apreciar diversas perspectivas e culturas e, á súa vez, ampliar os nosos propios horizontes.

Nesta ocasión expuxémonos á intrigante pregunta: que teñen en común unha moza neoiorquina experta en arte e moda, en pleno século XXI, e un contable austriaco de principios do século pasado? ?

“Mi año de descanso y relajación” ofrece un argumento orixinal e provocativo. A protagonista, cuxo nome descoñecemos, asume, como proxecto vital, pasar un ano durmindo. Nesa carreira por desconectar da realidade ten que arrostrar o seu propio pasado, relacións interpersoais bastante estrañas e o seu propio sentido do propósito da existencia.

Cun humor descarnado e provocador -demasiado provocador!, opinaron algúns/has.- e imaxes moi vívidas, Otessa Mosfegh crea unha narrativa que non deixa indiferente a ninguén, e que causou gran controversia nas reunións.

Puido observarse certo corte xeracional: os/as lectores/as máis novos/as conectaron mellor con esta comedia negra que ofrece unha crítica desapiadada de certa cultura estadounidense e da presión social sobre a muller.

Máis unánimes e positivas resultaron as opinións vertidas ao redor de “Novela de Xadrez”.

Usando a súa ben coñecida técnica de enmarcar os relatos, Stefan Zweig presenta un enfrontamento entre dous rivais fronte a un taboleiro que transcende ao propio xogo; nun reflexo dun mundo que está a cambiar rápidamente.

O foco da narración vai desprazándose segundo avanza a historia ata alcanzar gran tensión dramática.

O xadrez transfórmase nun bo vehículo para explicar as dinámicas de poder e as súas estratexias. Destacouse a habilidade do escritor para transmitir de maneira precisa a tensión e desesperanza do momento e as servidumes do illamento.

Dous libros, dúas experiencias lectoras que, aínda que distintas na súa forma e época, dialogan sobre temas transcendentais na nosa sociedade actual como o desapego, o illamento e a importancia de establecer vínculos afectivos saudables.” (Jerónimo Pomares, coordinador dos Clubs de Lectura)